sábado, 11 de xaneiro de 2014

MI VIDA QUERIDA. Alice Munro


Non é fácil comezar a falar desta obra, talvez polo feito de que a autora sexa a última galardoada co premio Nobel ou talvez porque estea considerada por moitos lectores como unha das mellores narradoras actuais e Mi vida querida sexa reseñada  en moitas ocasións como unha obra de temática amorosa.

Mi vida querida é a última obra publicada por Alica Munro (2013) e está composta por por catorce relatos, catro dos cales a autora cualifica como autobiográficos. 

Todos eles están ambientados en Canadá, case sempre en espazos rurais, durante os anos que seguiron á Segunda Guerra Mundial. Trátase un ambiente decadente, de supervivencia, inhóspito, tanto a nivel material como moral.
O outro fío condutor é o o perfil dos seus protagonistas. Son personaxes desarraigados, nos cales a autora destaca os traumas e as frustracións. Lembran vagamente os antiheroes da novela dos anos cincuenta.
Son, na maioría dos casos, seres esquivos, asociais, carentes de empatía, cos que resulta difícil conectar.
Percíbese en case todos eles un desexo de fuxida para escapar de situacións incómodas ou comprometidas e están marcados pola incapacidade para o compromiso, a aceptación de relacións enfermizas para fuxir da soedade, o sentimento de culpa arrastrado dende a infancia, o intento de fuxida dunha rutina abafante, a desolación de non saber que facer coa propia vida, e tamén da busca desa paz que non atopan no seu interior.

domingo, 16 de xuño de 2013

QUE SOMOS, SE NON O LEMBRAMOS?

    LAURA NO DESERTO. ANTÓN RIVEIRO COELLO
     Ás veces chega a nós como por casualidade unha novela desas que tomamos como mero entretemento e que ó final nos sorprende, porque descubrimos nela unha gran obra literaria. Isto pasounos con Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello.
     Arranca a obra con Diana descubrindo os misterios da súa familia na Barcelona de posguerra, pero non debemos deixarnos enganar por este primeiro dato; non é unha novela sobre a Guerra Civil, nin sobre a posguerra, senón unha obra sobre a busca da identidade máis elemental das persoas. A busca de quen son, de onde veño e que relación me une coas persoas que me rodean.

     A causa de certas experiencias traumáticas na súa vida, Laura sofre unha amnesia da que só comeza a saír cando, nunha habitación dun hospital norteamericano, escoita a unha enfermeira cantaruxar A Rianxeira.
     Paso a paso, coa axuda da súa familia e moita paciencia, irá recobrando fragmentos que lle permitirán recompoñer a súa historia. Unha historia que, partindo da costa galega, pasa pola España en guerra, pola Alemaña fascista e que, finalmente, a leva a Estados Unidos despois de vivir as consecuencias das dúas guerras.
     O reencontro coas súas lembranzas lévanos a outro tema importante na novela: os límites entre o correcto e o incorrecto. Os recordos dalgúns momentos da súa vida fanlle cuestionarse o que está ben e o que está mal. En situacións críticas como as que ela vive, o instinto de supervivencia é quen decide, pero cando as circunstancias cambian é difícil entender e xustificar algúns comportamentos. O sentimento de culpa fai a súa aparición mentres intenta completar a película que é a súa vida:
     “A imaxe de Ivonne correndo na neve cara aos aramados asaltou os teus soños moitas noites. Adoitabas espertar bruscamente e vías como, no seu avance, se viraba e che espetaba os seus ollos acusadores. Parecía dicirche que debías aceptar a idea da morte, que non era a vida o que importaba senón a dignidad e o xeito de morreres.”
     Moitos espazos, varios períodos históricos, distintas voces narrativas, e todos maxistralmente enlazados. Nada é superfluo, todo ten unha función e todo xira en torno a esa busca de identidade que a protagonista procura cando ve perdida a maior riqueza que temos os seres humanos, a memoria:
     “Son dona dunha ausencia, dun baleiro de case corenta anos, dun abismo que se abre dentro de min. Si, así é como me sinto ao comprobar, con tristeza, que o único que fica de todo este tempo é esta velleira repentina e a inquietante perspectiva dunha familia inédita que virá coa esperanza de ser lembrada.”

     Acompañada polos que a queren, pero á fin soa, como se enfronta o ser humano ós momentos decisivos da súa vida, Laura ten que atravesar o deserto no que se converteu a súa mente para chegar ó outro lado e saber quen é en realidade.

venres, 6 de abril de 2012

Claraboia. José Saramago

A palabra "claraboia" suxírenos un lugar pechado, estreito, agobiante; un lugar cunha pequena abertura ó mundo desde a que observalo sen tomar parte. Nun espazo así transcorre a novela de Saramago: un edificio que alberga seis vivendas habitadas por personaxes anodinos, grises, sen pretensións que vaian máis alá de ter que comer cada día.
Claraboia trasládanos un mundo de pobreza, unha pobreza material que transcende este plano para proxectarse no moral, na rapaza que se vende por un emprego ou na nai que non ve os malos pasos da filla mentres esta lle dea diñeiro para ir malvivindo. É unha historia de antiheroes que, simplemente, sobreviven.
Coma sempre, Saramago vai moito máis alá da historia que conta. As reflexións sobre o comportamento dos personaxes que conforman o microcosmos desta novela ou sobre a sociedade da que forman parte seguen sendo perfectamente válidas hoxe e, aínda que as condicións externas son totalmente diferentes ás do Portugal dos anos cincuenta, cando foi escrita a novela, podemos identificarnos e identificalos na sociedade actual.

martes, 3 de abril de 2012

El lector de Julio Verne. Almudena Grandes.

Na década dos anos corenta a vida é un espazo inhóspito e cruel onde calquera pode desaparecer da noite para a mañá. A aparencia de normalidade dunha existencia monótona e rutineira vese desmentida polas miradas de esguello, polas frases a medias e polos movementos das persoas que, agochadas entre as sombras, tratan de tecer unha nova Historia.
Nino vive a medio camiño entre o cuartel da Garda Civil e o mundo supostamente libre do seu amigo Pepe o Portugués, que lle ensina que hai tres grupos de persoas: os que son felices coa orde imperante, os que aguantan e calan e os que berran. Ós seus dez anos, o neno deberá elixir de que parte está: da de seu pai e os demais habitantes da casa cuartel ou da de Pepe e Dona Elena, que lle descobre a Verne e lle ensina a escribir á máquina e a descubrir que a verdade ten moitas caras.
Atopamos un estarrecedor retrato da época máis funesta da nosa historia recente. Un retrato de vítimas e verdugos, de moitas máis vítimas ca verdugos, porque incluso estes son aquelas en mans doutros máis fortes e poderosos, entre eles, o seu propio medo. Porque o medo é o pano de fondo no aspecto emocional. E ese medo é a causa da traizón, da hipocrisía, da desconfianza, da vinganza, da crueldade. Porque canto máis medo, máis covardía..., ou canta máis covardía, máis medo.
Impacta fortemente o universo feminino: mulleres maltratadas por uns e por outros, pola hipocrisía, pola sede de vinganza que se ceba nelas cando os seus homes -maridos, fillos, pais, irmáns- se botan ó monte. Mulleres que se rebelan e loitan coas armas cotiás, que son as que teñen á man, armas como a roupa de loito posta a secar no balcón ó paso da procesión.
Todo é o que parece e, porén, case nada o é: nin na casa cuartel, nin na rúa nin no monte.
Fronte a tanta desolación, a lealdade, a perseverancia, a solidariedade e a honestidade dalgúns personaxes deixan entreaberta a porta a unha esperanza remota que, en definitiva, nos permitiu seguir vivindo.

venres, 14 de maio de 2010

Homenaxe

"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...
Novoneyra

luns, 19 de abril de 2010

"(...)
Pregúntome anguriado
que diría de min, si é que me vira,
iste neno que fun fai tantos anos"
Celso Emilio Ferreiro.