venres, 6 de abril de 2012

Claraboia. José Saramago

A palabra "claraboia" suxírenos un lugar pechado, estreito, agobiante; un lugar cunha pequena abertura ó mundo desde a que observalo sen tomar parte. Nun espazo así transcorre a novela de Saramago: un edificio que alberga seis vivendas habitadas por personaxes anodinos, grises, sen pretensións que vaian máis alá de ter que comer cada día.
Claraboia trasládanos un mundo de pobreza, unha pobreza material que transcende este plano para proxectarse no moral, na rapaza que se vende por un emprego ou na nai que non ve os malos pasos da filla mentres esta lle dea diñeiro para ir malvivindo. É unha historia de antiheroes que, simplemente, sobreviven.
Coma sempre, Saramago vai moito máis alá da historia que conta. As reflexións sobre o comportamento dos personaxes que conforman o microcosmos desta novela ou sobre a sociedade da que forman parte seguen sendo perfectamente válidas hoxe e, aínda que as condicións externas son totalmente diferentes ás do Portugal dos anos cincuenta, cando foi escrita a novela, podemos identificarnos e identificalos na sociedade actual.

martes, 3 de abril de 2012

El lector de Julio Verne. Almudena Grandes.

Na década dos anos corenta a vida é un espazo inhóspito e cruel onde calquera pode desaparecer da noite para a mañá. A aparencia de normalidade dunha existencia monótona e rutineira vese desmentida polas miradas de esguello, polas frases a medias e polos movementos das persoas que, agochadas entre as sombras, tratan de tecer unha nova Historia.
Nino vive a medio camiño entre o cuartel da Garda Civil e o mundo supostamente libre do seu amigo Pepe o Portugués, que lle ensina que hai tres grupos de persoas: os que son felices coa orde imperante, os que aguantan e calan e os que berran. Ós seus dez anos, o neno deberá elixir de que parte está: da de seu pai e os demais habitantes da casa cuartel ou da de Pepe e Dona Elena, que lle descobre a Verne e lle ensina a escribir á máquina e a descubrir que a verdade ten moitas caras.
Atopamos un estarrecedor retrato da época máis funesta da nosa historia recente. Un retrato de vítimas e verdugos, de moitas máis vítimas ca verdugos, porque incluso estes son aquelas en mans doutros máis fortes e poderosos, entre eles, o seu propio medo. Porque o medo é o pano de fondo no aspecto emocional. E ese medo é a causa da traizón, da hipocrisía, da desconfianza, da vinganza, da crueldade. Porque canto máis medo, máis covardía..., ou canta máis covardía, máis medo.
Impacta fortemente o universo feminino: mulleres maltratadas por uns e por outros, pola hipocrisía, pola sede de vinganza que se ceba nelas cando os seus homes -maridos, fillos, pais, irmáns- se botan ó monte. Mulleres que se rebelan e loitan coas armas cotiás, que son as que teñen á man, armas como a roupa de loito posta a secar no balcón ó paso da procesión.
Todo é o que parece e, porén, case nada o é: nin na casa cuartel, nin na rúa nin no monte.
Fronte a tanta desolación, a lealdade, a perseverancia, a solidariedade e a honestidade dalgúns personaxes deixan entreaberta a porta a unha esperanza remota que, en definitiva, nos permitiu seguir vivindo.