domingo, 16 de xuño de 2013

QUE SOMOS, SE NON O LEMBRAMOS?

    LAURA NO DESERTO. ANTÓN RIVEIRO COELLO
     Ás veces chega a nós como por casualidade unha novela desas que tomamos como mero entretemento e que ó final nos sorprende, porque descubrimos nela unha gran obra literaria. Isto pasounos con Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello.
     Arranca a obra con Diana descubrindo os misterios da súa familia na Barcelona de posguerra, pero non debemos deixarnos enganar por este primeiro dato; non é unha novela sobre a Guerra Civil, nin sobre a posguerra, senón unha obra sobre a busca da identidade máis elemental das persoas. A busca de quen son, de onde veño e que relación me une coas persoas que me rodean.

     A causa de certas experiencias traumáticas na súa vida, Laura sofre unha amnesia da que só comeza a saír cando, nunha habitación dun hospital norteamericano, escoita a unha enfermeira cantaruxar A Rianxeira.
     Paso a paso, coa axuda da súa familia e moita paciencia, irá recobrando fragmentos que lle permitirán recompoñer a súa historia. Unha historia que, partindo da costa galega, pasa pola España en guerra, pola Alemaña fascista e que, finalmente, a leva a Estados Unidos despois de vivir as consecuencias das dúas guerras.
     O reencontro coas súas lembranzas lévanos a outro tema importante na novela: os límites entre o correcto e o incorrecto. Os recordos dalgúns momentos da súa vida fanlle cuestionarse o que está ben e o que está mal. En situacións críticas como as que ela vive, o instinto de supervivencia é quen decide, pero cando as circunstancias cambian é difícil entender e xustificar algúns comportamentos. O sentimento de culpa fai a súa aparición mentres intenta completar a película que é a súa vida:
     “A imaxe de Ivonne correndo na neve cara aos aramados asaltou os teus soños moitas noites. Adoitabas espertar bruscamente e vías como, no seu avance, se viraba e che espetaba os seus ollos acusadores. Parecía dicirche que debías aceptar a idea da morte, que non era a vida o que importaba senón a dignidad e o xeito de morreres.”
     Moitos espazos, varios períodos históricos, distintas voces narrativas, e todos maxistralmente enlazados. Nada é superfluo, todo ten unha función e todo xira en torno a esa busca de identidade que a protagonista procura cando ve perdida a maior riqueza que temos os seres humanos, a memoria:
     “Son dona dunha ausencia, dun baleiro de case corenta anos, dun abismo que se abre dentro de min. Si, así é como me sinto ao comprobar, con tristeza, que o único que fica de todo este tempo é esta velleira repentina e a inquietante perspectiva dunha familia inédita que virá coa esperanza de ser lembrada.”

     Acompañada polos que a queren, pero á fin soa, como se enfronta o ser humano ós momentos decisivos da súa vida, Laura ten que atravesar o deserto no que se converteu a súa mente para chegar ó outro lado e saber quen é en realidade.